Móllate polos ríos.
Despois do éxito das xornadas de limpeza simultánea organizadas ao longo dos anos, este 2023 ADEGA Lugo, Coidemos Lugo e a UNED únense de novo para levar a cabo a XVI Limpeza Simultánea de Ríos. Trátase dunha actividade de voluntariado ambiental que terá lugar o domingo 24 de setembro na zona do río Miño situada ao carón da UNED. Durante a xornada, dunha duración aproximada de 3 horas, limparemos os residuos atopados na zona contribuíndo á súa conservación.
Grazas á colaboración de 63 entidades, o pasado ano estimamos que se retiraron máis de 8 Tn. de lixo de orixe diverso e participaron un total de 955 voluntarias/os de 41 concellos en toda Galicia.
O máis importante é que, ano tras ano, conseguimos concienciar un pouco máis á sociedade da necesidade de manter limpos os nosos ríos de residuos como premisa para a conservación da súa saúde.
O punto de encontro para a realización da actividade será na entrada da UNED de Lugo. O aparcadoiro do centro estará aberto para aquelas persoas que precisen deixar o seu coche. Do mesmo xeito que nos anos anteriores, o Proxecto Ríos editará os materiais divulgativos para o desenvolvemento da actividade e outros materiais.
Centro Asociado UNED Lugo
Para o día da limpeza lembrar que os materias precisos ou recomendables son:
-Luvas. Se o voluntariado pode traer luvas de fregar da casa, mellor, xa que as de vinilo ou látex rompen con facilidade e estamos xerando máis residuos. Recomendamos facelo, e así non se comparte material.
-Pinchos (paus cun pincho na punta para coller lixo).
-Botas de auga (polo menos algunha persoa con elas).
-Bolsas grandes ou sacos para recoller o lixo. Tamén se poden levar capachos/esportas para transportar o lixo e tamén estamos a reducir os residuos xenerados.
Algún deste material pódeselle pedir ao concello.
Para o desenvolvemento da xornada é preciso contar con algunhas medidas de seguridade elementais para non mancarse ao retirar o lixo.
Outras medidas de seguridade poden ser:
-Non arriscar a integridade física por coller lixo en zonas perigosas ou pouco accesibles.
-Ao levantar pesos facelo sempre dobrando os xeonllos. Pedir axuda a outros/as compañeiros/as para recoller cousas pesadas.
-Se hai cristais, vidro, ferralla, ou outro material cortante retiralo con precaución se é posible.
-Aplicar o sentido común. Sempre se pode chamar ao concello para que retire o lixo máis problemático.
-Se no grupo van crianzas ter boa conta delas e que non fiquen soas.
-Non traballar de costas ao río sobre todo se estamos arrincando algo que está soterrado xa que podemos caer ao cauce.
-Ter coidado coas zonas de corrente forte e profundas.
Ordinària | |
---|---|
Preu | Gratuïta |
Aquesta activitat impacta en els següents Objectius de Desenvolupament Sostenible: