A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) organiza unha charla informativa e divulgativa titulada "O estado ecolóxico dos ríos de Lugo", impartida polo biólogo Roi Cuba e a enxeñeira ambiental Lucía A. Anido. Esta actividade destaca o labor desenvolvido ao longo dunha década no marco do Proxecto Ríos de ADEGA, unha iniciativa de ciencia cidadá que leva máis de dez anos recompilando datos sobre a calidade ambiental dos ríos da provincia de Lugo.
Nesta sesión abordarase a situación ambiental actual dos ríos da provincia, cun enfoque especial no concello de Lugo, co obxectivo de sensibilizar sobre a conservación destes ecosistemas vitais. Ademais, abordarase a situación específica do rego de Segade, combinando esta análise con información actualizada doutros cursos fluviais da contorna para ofrecer unha perspectiva global e integradora sobre o estado ecolóxico da zona.
A charla pretende sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de preservar os ecosistemas fluviais, fundamentais tanto pola súa biodiversidade como pola súa contribución á sostibilidade ambiental e á calidade de vida. Ademais, exporanse os principais problemas que afectan aos ríos de Lugo, como a contaminación, a alteración dos hábitats ou os efectos do cambio climático, e analizaranse as medidas necesarias para mitigar estes impactos e garantir a recuperación e protección dos ríos.
Este encontro será unha oportunidade para reflexionar sobre a importancia de actuar a nivel local para conservar os recursos naturais e para fomentar unha maior implicación da sociedade no coidado dos ríos, unha riqueza compartida que debemos protexer entre todos.
Matrícula Ordinaria | |
---|---|
Precio | Gratuita |